martes, 12 de abril de 2011

Personaxes ilustres do noso concello

Frei Basilio Río Brenlla "O padre Basilio".
Naceu o 5 de outubro de 1913 en San Salvador e finou en Xerusalén, onde foi soterrado segundo a súa vontade o 17 de outubro de 1994. Entre 1927 e 1930 cursou os estudos humanísticos no seminario franciscano de Herbón (Padrón) e vestiu o hábito da orde de San Francisco o 30 de xullo de 1930. Despois de estudar teoloxía en Santiago de Compostela, ordenouse sacerdote o 6 de xuño de 1941. Durante nove anos desempeñou o oficio de organista e dedicouse á ensinanza desta materia. Simultaneou este labor co de administrador dos centros franciscanos de Ponteareas e Herbón, así como o traballo apostólico coa xuventude Antoniana da vila de Ponteareas. O 6 de novembro de 1950 incorpórase á Misión de Terra Santa, a "pérola das misións" no dicir dos seguidores do santo de Asís. Alí, primeiro durante oito meses presta servizo no Santo Sepulcro, e logo é destinado á Procura Xeral de Terra Santa, no convento de San Salvador, onde permanece por espazo de 30 anos, co que acada o grao de procurador xeral (1968-1981). Ó mesmo tempo entre 1951 e 1962 foi corista custodial e sempre traballou en Palestina nas obras de beneficiencia, nomeadamente como membro do comité da parroquia latina de Xerusalén. Rematado o seu período como procurador en Terra Santa foi superior no Santo Sepulcro (1981-1983), en Betania (1983-1990) e en Caná de Galilea (1990-1993). 

José Baña Pose "Pepe Xan Baña".

Naceu o 4 de xaneiro de 1872 no lugar de Varilongo (lugar dunha única vivenda), onde a terra é mina e sabe a volframio, e morreu na Habana (Cuba) o 16 de outubro de 1945 cando contaba con 73 anos. Foi o poeta máis popular da Terra de Xallas. Asistiu á escola intermitentemente durante tres anos ata que con 17 anos, concretamente o 17 de agosto de 1889, emigrou para A Habana.
Comezou traballando nunha adega, só 18 días, e ós tres anos da súa chegada xa estaba estudando para cura, aínda que abandonou os estudos cando lle faltaba moi pouco para rematar, motivado "polos abusos, a hipocrisía e a dobre moral da Igrexa no seu tempo" como demostra a "Carta ós curas de Santa Comba" escrita en idioma galego. Aínda que o coñecemento e denuncia dos males da igrexa non lle impedirían ser un bo católico practicante, iso si, un católico crítico, que defendía o celibato opcional dos curas. Acadou o título de mestre de instrución pública e con el impartiu docencia en diversos lugares da illa caribeña, onde tivo o seu derradeiro destino, na escola do barrio de Cayajabos, preto dun lugar chamado Artemisa, na provincia de Pinar del Río. Colaborou literariamente no célebre "Diario de la Marina" e participou no ambiente cultural do Centro Galego da capital cubana. Mantivo admiración e amizade con Manuel Curros Enriquez, gran poeta civil da Galicia do século XIX.
Como outros tantos paisanos, os seus últimos tempos pasounos na sociedade dos galegos "La Benéfica", da que era socio de honra e na que recibiu tódalas atencións e coidados médicos necesarios. Os seus restos descansan no Panteón do Centro Galego do Cemiterio de Colón da cidade da Habana. Case sempre escribiu na súa lingua orixinaria e a única ocasión na que volveu á terra natal foi no ano 1921, cando contaba con 49 anos.