lunes, 2 de mayo de 2011

Sedna, a deusa do mar

Nunavut, a nena protagonista destas aventuras, pertence a un dos pobos máis lendarios da Terra, os esquimós, un pobo primitivo que aínda sobrevive en durísimas condicións e cunha peculiar cultura onde o real e o suprarreal están intimamente vencellados.
No ano desta historia o verán amosárase benigno pero a pesca escaseara. No outono o mar comezara a xearse antes do que adoitaba, e iso significaba que o inverno se ía adiantar. Para sobrevivir, homes e mulleres terían que saír cazar baleas. Mentres tanto, os rapaces e rapazas debían quedar cos anciáns. Nunavut iría xunta Helga. Cando o soubo aledouse moitísimo xa que Mama Helga era a persoa que mellor coñecía as lendas da aldea, e Sedna, a deusa do mar era unha delas. Sedna é unha fermosa moza inuit que non acepta a ningún dos seus pretendentes. Seu pai ameázaa con casala co primeiro home que se presente a pedir a súa man. Asustada, fuxe da casa unha noite subida a unha gran gaivota que ten algo de home e de anxo. Pronto descubrirá que tamén de demo. Lévaa á Illa dos Paxaros e convértea na súa prisioneira, ata que un día vai seu pai buscala. Cando volven, o pai tolea ao ser perseguido por infinidade de paxaros no medio dunha gran tormenta, e bótaa ao mar. Cando ela tenta subir ao barco, el córtalle os dedos pola primeira articulación e cada un deses anacos convértese nun animal que xamais existira antes: unha balea. Ela segue a aferrarse ao bazo e el volve cortarlle o resto dos dedos, e de cada un deses anacos nacerá unha foca. Sedna afúndese converténdose nunha especie de serea que será a raíña das augas ou Deusa do Mar.