viernes, 20 de mayo de 2011

Unha pantasma branca

Na habitación dun hospital, Diego e un ornitólogo conversan sobre as "damas da noite". Unha delas asustou o rapaz, que está recuperándose das feridas.
Todo comezou en Semana Santa na casa dos avós, en Penagrande, cando andaba coa súa irmá xemelga Paula polo monte e escoitaron un son misterioso procedente da torre dun antigo depósito de auga. A avoa, con medo, prohibiulles achegarse ata alí, pero non resistiron a tentación de volver. Cando Diego axexaba desde un carballo, apareceu de súpeto un paxaro enorme que provocou a súa caída ao chan co susto. Como non se daba movido, unha ambulancia recolleuno e no hospital puxéronlle catorce puntos na caluga. Cando Paula confesou que viran a pantasma branca, a curuxa con cara como de persoa, patas como de can e garras como unha aguia, todos os veciños foron na procura daquel paxaro temido pois a súa presencia era presaxio de morte ou desgracia para quen a vise ou os seus familiares. E dun disparo mataron a curuxa, que saíra voando. Logo, escacharon os cinco ovos que tiña no niño, con restos de ratos.
Alternando con este relato, unha curuxa macho, Bocabranca, nacida en Alemaña, conta cómo aprendeu a voar e cazar. Botándose ao camiño, veu parar onda Pinguiñas, unha branca e silandeira raíña da noite, unha curuxa femia fermosísima, que o convidou a vivir con ela na torre da auga e desde entón tiñan alí o seu fogar perfecto. Ela puxo cinco ovos, dos que non se quería apartar para darlles calor e ter os seus primeiros fillos. Ata que ocorreu a desgracia. Triste e soa, Bocabranca resístese a abandonar o niño cos ovos reducidos a cascas.
Cando saíu do hospital, Diego, atopou paseando polo monte unha curuxa macho mansiña. Levouna para a casa da avoa. Aínda que esta, horrorizada, non quere nin vela, acaba aceptándoa e axúdalle a curala, pois está ferida e sangra. Ao rematar as vacacións, Diego céibaa: marcha voando, brillante como unha pantasma branca. Cando volva á aldea terá nela unha amiga.